Orella pendella, para xogar cos ditos infantís de sempre

Kiko Fernández, Carlos Yus e María Campos

Orella pendella, para xogar cos ditos infantís de sempre


A páxina www.orellapendella.org naceu hai pouco máis dun ano co obxectivo de difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI.

Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Hoxe en día, debido ós cambios producidos nas formas de vida e nas actividades de lecer dos rapaces e rapazas, corremos o perigo de perder esta riqueza definitivamente. Sen rexeitar as novas formas de diversión e coñecemento que nos ofrecen as últimas tecnoloxías, consideramos que é posible e, mesmo, moi positivo para as relacións humanas recuperar, coñecer e practicar os xogos verbais dos nosos avós.

Por moito que cambien os tempos hai sentimentos como a tenrura entre pais e fillos ou a alegría de xogar cos/as amigos/as que nunca cambiarán. A tradición oral ofrécenos a posibilidade de seguir expresando estes sentimentos e seguir gozando cos xogos máis sinxelos.

Estes días de maior convivencia familiar son os tales para pasarmos o tempo xogando cos máis pequenos a xogos que estimulen a súa intelixencia, a súa memoria e a súa fala galega. Todos lembramos ditos que nos dixeron cando eramos nenos. Non debemos tronzar esa tradición e privar os cativos de gozar con este marabilloso legado que recibimos.

Animámosvos a participar neste proxecto achegándonos os ditos, recitados e cancións que coñezades e xogando cos que aquí descubrades. Deseguido ofrecémosvos unha mostra mínima deste tesouro creado polo noso pobo, desde os ditos máis sinxelos para acariñar os naipelos ata os trabalinguas máis entrambilicados para poñer a proba o enxeño e a destreza verbal dos máis vellos.

Para arrolar:

  

Este neniño pequeno
heino de mandar á escola
heille de comprar un bombo
e mais unha castañola.

Heille de dar a meu neno
cocidiño con repolo,
as orellas dunha pulga,
as costelas dun piollo.

 
   
E para acariñar os pequerrechos nada mellor que os ditos de Mecos no colo:
   
Para aloumiñar a man:

a cara:

 
Manxurriña, manxurriña,
come pan e pataquiña
e se lle parece pouco,
un touciño e cacho doutro.
Viches o gato no unto?
Pun, que te apunto!
Este olliño pimpilín.
Este olliño pimpilán.
Este nariz narizán.
Esta boca pide pan.
Este queixo non llo dá.
Arríncate, cabalán!
   
a barriga:

  
Trispilistrás, trispilistriñas,
o que non come non ten barriguiña.
Trispilistrás, trispilistrolas,
o que non come non ten barrigola.
 
   
Para xogar cos dedos: 
Este foi ó mar e non pescou nada.
Este foi ó mar e pescou unha pescada.
Este quedou en terra e lavouna ben lavada.
Este quedou en terra e fixo unha caldeirada.
E este lambón, lacazán... ¡papouna, ben papada!
   
Para abanear:

Para cabalgar na perna:

 
Serra comadre,
serra compadre
na madeiriña
do señor abade.
Señor abade,
vaia con “dios”,
que a madeiriña
serrámoslla nós.
Arre cabaliño
que vas trotando,
tres por riba
e tres por baixo,
ata caer do cabalo:
abaixo!
 
   
Para os nenos e nenas ós que lles gusta preguntar:

 
- Tantarantán, para onde vas vella?
- Tantarantán, vou para Pontevedra.
- Tantarantán, que vas buscar?
- Tantarantán, unha carga de sal.
- Tantarantán, para que é o sal?
- Tantarantán, para facer o caldo.
- Tantarantán, para que é o caldo?
- Tantarantán, para “llo” dar ás vellas
- Tantarantán, para que son as vellas?
- Tantarantán, para sachar o millo.
- Tantarantán, para que é o millo?
- Tantarantán, para “llo” dar ás churras.
- Tantarantán, para que son as churras?
- Tantarantán, para poñer os ovos.
- Tantarantán, para que son os ovos?
- Tantarantán, para llos dar ó crego.
- Tantarantán, para que é o crego?
- Tantarantán, para dicir a misa.
- Tantarantán, para que é a misa?
- Tantarantán, para subir ó Ceo!
   
Para rir xuntos:

  
- Como te chamas?
- Come castañas.
- E de apelido?
- Caldo cocido.
 
   
- Ola!
- Non é pote nin cazola.
 
   
- E a caixa?
- Que caixa?
- A que sobe e baixa.
 
   
Para “rezar”:

  
“Por la señal”
do papo real,
comín touciño
e fíxome mal.
Pouseino no prato,
comeuno o gato,
fun atrás del
“con un” zapato.
“Me cago no gato!”
 
   
Para falar cos animaliños:

 
Voa, voa, xoaniña,
que teu pai vai no muíño
e a túa nai no Porriño,
que che ha de traer
uns zapatiños
de cu de ratiño.
Caracol, col, col,
bota os cornos ó sol
que a túa nai e o teu pai
os botaron en Ferrol.
 
   
Para poñerlle ao mal tempo boa cara:

 
Chove, chove
na casa do pobre.
Neva, neva
na casa da vella.
“Xía, xía”
na casa da tía.
Sarabea
na casa da tía Andrea
Pinga, pinga
na casa da tía Dominga
Trona, trona
no cu da “patrona”.
 
   
Para poñer a proba os pulmóns:

 
Catro bois
e catro vacas
soben carro
costa arriba;
non hai home
nesta terra
que catro veces
o diga... (ata dicir catro veces sen coller folgos).
 
   
Para exercitar a lingua e os beizos:

 
Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
 
   
Ou máis fácil:

  
- Ten tinta, Antón?
- Tinta Antón ten.
- Acórdache a corda?
- Acorda a corda!
 
   
En fin para xogar e aprender dunha forma ben sinxela:

 
Xan Perillán
a cabalo dun can;
o can era coxo,
tirouno nun pozo;
o pozo era frío,
tirouno nun río;
o río era branco,
tirouno nun campo;
o campo era roxo,
tirouno nun toxo;
o toxo picaba,
Xan Perillán berraba
e o can escapaba.
 
   
   
Kiko Fernández Mujico  
Carlos Yus Respaldiza   
María Campos Cabaleiro  
http://www.orellapendella.org/   
   

 

 

 

 

 








 
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ou superiores e Opera