Un día único na historia

Unha ‘multitude real’ asiste en 69 cidades de todo o mundo á presentación de ’55 mentiras sobre a lingua galega’

08/02/2010

 

Ao final non foron 55 cidades, senón a expansiva cifra de 69 as que acolleron simultaneamente a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, primeira publicación da plataforma Prolingua. Trátase "non dun día histórico, que o é, senón dun día único na historia da nosa cultura", subliñou o pasado venres 5 de xaneiro o sociolingüista Xosé Luís Regueira no acto de Compostela, onde estivo acompañado polo escritor e cineasta Antón Dobao e a filóloga María do Carme Ríos Panisse.

 

Na Librería Couceiro, ateigada polo numeroso público, déronse cita líderes do nacionalismo como Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Carlos Aymerich ou Lidia Senra, pero tamén escritores, actores e, sobre todo, cidadáns e cidadás sen adscrición que se comprometen na construción da "multitude real" do país, en palabras de Dobao.

 

Eran as oito e media da tarde, a xente seguía aínda chegando e Panisse, con só cinco minutos de deferencia para os atrasados, colleu o micrófono para presentar o acto. Anunciou que 55 mentiras sobre a lingua galega xa se presentara en Nablús, Belén, Tubinga, Burxelas, Londres. Copenhaguen ou París, seguindo os fusos horarios do planeta e que "dentro de pouco será a quenda de Madison, en Wisconsin, de Nova York ou de Bos Aires". Pero nestes momentos, engadiu, "Galicia enteira celebra actos semellantes a este de Compostela" nun ronsel de nomes que cubriu o mapa do país. Algúns deses actos, como o realizado na Universidade de Vigo, podía seguirse tamén a través da web.

 

"Estamos nunha acción de afirmación e de orgullo", subliñou Regueira, "por ter unha lingua. Non queremos que a nosa sexa unha lingua de segunda e nós uns cidadáns de segunda. Porque non se discrimina as linguas, senón os seus falantes e cando se di que unha lingua non serve para algo, o que se está dicindo é que os seus falantes non son aptos".

 

Para o sociólogo, o máis terrible da situación de presión que se vive no país para converter os galegofalantes en "cidadáns en castelán" é que a estratexia resultou eficaz entre "milleiros de galegos que lles negan aos seus fillos a herdanza da lingua, pois  parécelles que en castelán é como mellor poden andar polo mundo". Trátase, indicou, "de borrar unha cultura, un auténtico etnocidio, que é o parente do xenocidio".

 

Por iso, o obxectivo de 55 mentiras sobre a lingua galega é darlles argumentos á xente para que se defenda desas mentiras, das "miles" de falacias que se contan sobre o galego. De entre esas falacias, unha significativa:que o galego nunca foi prohibido. Esa "mentira" desmóntase no volume coa achega de información sobre decretos e normas que prohibiron todo aquilo que non fose castelán".

 

Antón Dobao incidiu na manipulación que se fixera por parte da Administración do termo "inmersión" para tratar de converter este método de ensino nun sinónimo de "imposición". E é que "se houbo algún proceso de imposición en Galicia", indicou, "ese foi o do castelán . Para comprobalo, basta poñer un pé na rúa".

 

Ao ver de escritor, da "situación tebrosa" que o goberno actual lle impuxo ao galego tamén saíron cousas boas, como a visualización da forza cidadá, moito máis combativa do que, en principio, podería parecer. Como exemplo puxo a masiva asistencia ao acto de Prolingua -"unha plataforma sen directiva, onde cada integrante é un órgano decisorio"- que garante o futuro do galego pola concorrencia de forzas e de cidadáns seguros e dispostos a reclamar os seus dereitos.

 

Iso si, Antón Dobao lamentouse de que "non soubésemos reaccionar ante o discurso negacionista, que gañaba terreo desde o mesmo momento no que se aprobaba o Decreto en vigor, talvez porque nos parecía imposible que un discurso así puidese callar".
Tamén chamou a atención sobre a necesidade de cambiar conceptos dentro da normalización. Xa non é tan importante, asegurou, "levar a lingua a ámbitos onde está especialmente desprotexida" senón "empregarse en reforzar o núcleo de falantes" para garantir a transmisión do idioma.
 
Un texto que pode entender calquera

 

55 mentiras sobre a lingua galega está coordinado por Henrique Costas, que contou coa colaboración de escritores, catedráticos ou sociolingüistas, dando como resultado un texto que, en palabras de Costas, pode entender calquera persoa, independentemente do nivel de estudos, xa que emprega unha linguaxe áxil", di o profesor. A idea de facer unha presentación simultánea en 69 localidades, das que 48 son galegas, responde ao obxectivo de tentar chegar ao maior número de xente posible, nun acto sen precedentes na historia do país.

 

"Vencer convencendo"

 

Unha anécdota que non se atopa no libro é a dunha situación vivida nun programa de radio en Vigo. Hernrique Costas conta que a presentadora entrevista a un empresario de Lugo cun restaurante en Barcelona. No transcurso da conversa, a xornalista sorpréndese do éxito que ten alí o viño albariño ""y eso que la etiqueta está en gallego", engade. A resposta do lugués non ten desprezo: "pero lo que se bebe no es la etiqueta".

 

Isto non vén máis que a demostrar "os prexuízos contra o noso idioma", quéixase o profesor, "pensei que era un morto que estaba enterrado, pero vin que non". Ademais, chama a atención de que se "o decreto se aplica tal como está, será unha catástrofe, a convivencia rompe por todas partes". Deste xeito, "a conta do idioma vai haber moitos enfrontamentos e iso é terrible".

 

En conclusión, Costas cre que é "necesario que a xente se conciencie de que o galego é o maior patrimonio do mundo", polo que anima a vivir e gozar con el. Está convencido de que o libro servirá para "vencer convencendo" aos que "nos queren dicir que o galego é un adorno prescindible", afirma confiado.

 

Costas argumenta que o castelán "fainos moita falta pero non é a nosa lingua", aínda que matiza que "témolo que aprender". Por iso lanza unha mensaxe á xente para que "coiden a lingua de aquí". Ademais, lamenta que parece que "co galego o que buscas é problemas" en situacións como pedir unha hipoteca en galego e que "tarden tres meses" ou pedila en castelán e que se resolva ao momento. "Estáselle dando claves á xente de que se non quere ter problemas para vivir tranquilamente" usen o castelán.
 
Fonte: Galicia-Hoxe

 

 

 

 

 








 
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ou superiores e Opera