‘O xermolo do amor pola lectura’

Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

08/02/2010

 

"Quixemos que a cidade fose sobre todo vosa, dos nenos e das nenas e que o galego sexa a vosa lingua normal, un idioma do que temos que estar orgullosos e que nos sirva todas as horas de todos os días do ano para facer cousas positivas das que se compón a nosa vida". Con estas palabras inaugurou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil desta cidade galega, nun acto ao que asistiron máis de 300 persoas.

 

A Aula Folque Infantil (AFI) abriu onte a programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no Auditorio do Pazo da Cultura coa súa interpretación musical das Cidades Imaxinarias. A concelleira de Cultura, Lola Dopico, participou tamén no acto de inauguración da que é xa a décimo primeira edición do Salón.

 

Dopico explicou que a presente edición abrangue "as cidades posibles, imaxinadas, as dos soños, a nosa cidade porque son o marco escollido para achegarnos á literatura infantil este ano". O obxectivo do Salón, segundo a concelleira de Cultura é "facer xurdir o xermolo do amor polo libro no primeiro paso por entrar no mundo da literatura".

 

Tamén resaltou a continuidade do proxecto centrado en amosar o mellor da literatura galega dirixida á infancia e á mocidade: "Amosamos cada ano con moito orgullo aquilo co que estamos a traballar e precisamente a relación cos centros, que é un dos sinais de identidade, polo que expresamos o noso agradecemento ao esforzo dos nenos e sobre todo do profesorado que consegue inspirar o interese pola lectura".

 

Dopico expresou ademais a gratitude do Salón do Libro "para Agustín Fernández Paz, para Xosé Covas e para toda a xente que participa e que está a traballar e leva traballando durante dez anos para que o Salón do Libro Infantil sexa unha realidade na súa décimo primeira edición. Finalmente, ao laboratorio de sons da Aula Folque "porque fan un traballo cuns froitos que non deixan de sorprendernos". Mostra de que a cultura propia, feita, pensada e realizada en galego pode ser unha obra de calidade para todos os públicos.

 

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra valorou do traballo posto en escena pola Aula Folque Infantil para este evento e destacou que "este ano contamos cun motivo de ledicia, xa que a protagonista é a cidade, e non só a de Pontevedra, senón todas as cidades do mundo". Por iso, afirmou Miguel Anxo Fernández Lores, "o Concello traballa na mellora da cidade, para poder gozar dos paseos pola milenaria pedra das nosas rúas e prazas, gústanos vivir na nosa cidade chea de xentes, parques, mercados, pontes, luces que afastan as noites das tebras misteriosas e as devolven á vida e á cultura".

 

Fonte: Galicia-Hoxe  

 

 

 

 

 








 
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ou superiores e Opera