|
Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego
Luís Tosar, María Castro, Martiño Rivas, Susana Seivane, Antón Reixa, Isabel Risco, Carlos Ares e Belén Regueira, protagonistas dunha campaña en favor da lingua
|
22/02/2010
"Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego". Este é o lema da campaña impulsada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), que bota a andar este mesmo luns.
O recente gañador, por terceira vez, dun premio Goya, o actor Luís Tosar, é un dos persoeiros que presta a súa imaxe e a súa voz en favor da lingua a través de dous vídeos que se difundirán en todo o país, especialmente entre a comunidade educativa. Participan tamén as actrices María Castro e Isabel Risco, o actor Martiño Rivas, o produtor audiovisual Antón Reixa, o guionista Carlos Ares, a gaiteira Susana Seivane e a xornalista Belén Regueira.
Este ambicioso proxecto da CGENDL é unha das iniciativas que o colectivo botará adiante como parte da súa campaña de sensibilización dirixida á comunidade escolar. Tal e como explicaban para Vieiros o pasado mes de novembro, á volta da primeira asemblea da asociación, pretenden "combater os prexuízos" ao respecto da lingua e favorecer que o alumnado "sinta fachenda" de falar galego.
A presentación do proxecto será este luns 22 de febreiro ás 13:00 h no Hotel Virxe da Cerca, en Santiago de Compostela, coa presenza dos responsables da coordinadora e dalgúns dos persoeiros que apoian a campaña.
Fonte: Vieiros
|

|
|