Séchu Sende levará a súa nova obra ao Festigal

Presentarase tamén a primeira versión galego-portugués do Sempre en Galiza de Castelao

12/07/2010

 

As principais novidades e proxectos literarios en galego ocuparán boa parte das actividades da Galería das Letras no Festigal. Os vindeiros 24 e 25 de xullo, autores como Séchu Sende, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Pepe Cáccamo e Marilar Aleixandre presentarán e asinarán exemplares dos seus últimos libros.

 

Tamén levarán as súas novidades editoriais Carlos Callón, con En castellano no hay problema; Goretti Sanmartín, coordinadora do volume Lingua e futuro ou Pilar García Negro, autora de O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. Destaca ademais a presentación do proxecto Liquili, un portal galego de literatura infantil ou tamén o recital de poemas de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro que terá lugar o día 25 ás 19:15 h.

 

Séchu Sende presentará o seu novo libro Animais! o día 24 en AGAL ás 17:15 h. No mesmo lugar pero unha hora antes, Ugia Pedreira falará sobre a súa obra Noente Paradise. Ás nove menos cuarto, Artur Alonso Novelhe, académico da Lingua Portuguesa, dará conta da súa obra Filhos da brétema, que tira do prelo Galiza Editora. Despois de pasar pola Feira do Libro de Vigo, o autor Moncho Iglesias tamén presentará no Festigal Tres cores: azul, acompañado polo antropólogo Samuel Solleiro e o filólogo Vítor Suárez. Será tamén o sábado, ás 21.30 h.

 

As presentacións do 24 rematarán ás dez da noite coa presentación do libro Estudos xurídicos sobre o Decreto do plurilingüismo de Luís Villares en edicións Laiovento.

 

O domingo, día 25, Carlos Garrido, catedrático de Lingua na UDV falará sobre Degradaçom e recuperaçom do léxico galego. Ese mesmo día Pepe Cáccamo presentará o libro infantil Un home impuntual; Carlos Taibo levará a novela Parecía nao pisar o chao; Francisco Castro presentará O segredo de Marco Polo e tamén se fará pública a primeira versión en galego-portugués do Sempre en Galiza de Castelao. Ademais tamén haberá unha exposición sobre feminismo galego organizada pola Fundación Galiza Sempre.

 

Programa completo do Festigal

 

Fonte: Galicia-Hoxe

 

 

 

 

 








 
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ou superiores e Opera