O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, presenta a segunda edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico.
Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros... O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e... por que non? Tamén para formar parellas!
Para poder participar neste concurso debes seguir os pasos seguintes:
1 Rexístrate: debes cubrir o formulario de rexistro. Recorda que todos os campos son obrigatorios.
2 Ingreso: para poder acceder á túa conta, debes introducir o enderezo de correo e mais o contrasinal co que te rexistraches. No caso de xa estares rexistrado/a pero non recordas o correo electrónico co que te rexistraches ou o contrasinal de acceso, envíanos un correo a linguadeamor@cxg.org indicando o teu nome, apelidos e DNI e facilitarémosche os datos de acceso.
3 Unha vez que entraches na túa conta, na banda da esquerda preme sobre "engadir declaración". O número máximo de caracteres é de 350 (con espazos incluídos) e cada participante poderá escribir un máximo de dúas declaracións.
4 Lista das miñas declaracións: neste apartado poderás ler as declaracións coas que participas neste concurso.
5 Dende a túa conta persoal, no apartado "Datos usuario", poderás actualizar e modificar os teus datos sempre que o consideres oportuno, así como o teu correo electrónico e o contrasinal.
Establécense dúas categorías de participantes:
Categoría A: de 14 a 19 anos
Categoría B: de 20 a 30 anos
Recordámosvos que a extensión máxima da mensaxe é de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. As mensaxes que excedan esta extensión quedarán fóra do concurso. Así mesmo, establecerase un máximo de dúas mensaxes por concursante.
A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.
Establécense tres premios por cada unha das categorías:
Categoría A:
1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego
2º DVD portátil + un lote de libros en galego
3º MP3 + un lote de libros en galego
Categoría B:
1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego
2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego
3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego
Ademais, os 200 primeiros/as participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Consello da Xuventude de Galicia agradécelles a súa colaboración á Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás concellerías de Cultura e Xuventude do Concello de Lugo, á Librería Couceiro e a Viaxes Viloria.
DECLARACIÓNS GAÑADORAS
CATEGORÍA DE 14 A 19 ANOS
1º/ Premio: Silvia Castañal González, coa declaración "Composto químico".
Eu son para ti coma un átomo invisible nun complexo composto químico. Déixame ser algo máis, necesítote.
2º/ Premio: Bibiana Rodríguez Domínguez, coa declaración "Porque te quero..."
Quérote lonxe de min, ao outro lado da cama.
3º / Premio: Marta Lois, coa declaración "O meu veleno".
Púxenlle a cada verba que che vou dicir o suficiente veleno como para que sexas meu o resto da miña vida...
CATEGORÍA DE 20 A 30 ANOS
1º/ Premio: Bibiana Caamaño Álvarez, coa declaración "Laranxas do día".
Lembras como ós 20 anos faciamos o amor case todos os días? Hoxe sen te decatar,fasme cóxegas cada noite baixo a manta da cama fría. Lembras esas mañás nas que ías ó mercado para me traer laranxas do día? Hoxe enfádaste porque non che deixo saír á rúa sen compañía. Porque 65 anos despois non lembras mais seguímonos Amando igual que o primeiro día.
2º/ Premio: Margarita Sampedro Mariño, coa declaración "Química".
Din que o amor son reaccións químicas, liberación de endorfinas ou non sei que lerias. Por se acaso vou ir mercando unhas cantas probetas por se esta noite vés visitarme e así facer un experimento científico.
3º/ Premio: Dolores Torrado Vicente, coa declaración "Autobiográfico".
- Quérote...
- De veras?!
- ... Avisar que non veñas buscarme...
Memoria de Lingua de Amor 2008